26 de feb. de 2016

Rosalía, Rosalía...

Para conmemorar o Día de Rosalía este ano, ademais da proposta do EDNL de poñer nas redes sociais versos seus (por certo, lémbrovos que aínda estades a tempo de enviar a captura de pantalla correspondente para participar nun sorteo de obxectos rosalianos), o alumnado de Investigación e Tratamento da Información está a elaborar unha pequena ficha sobre a autora galega.
E o alumnado de terceiro e cuarto da ESO, secundou masivamente a actividade de elaborar caligramas cos versos da poeta de Padrón, aquí vos queda a imaxe da montaxe final no corredor da planta baixa, enfronte á biblioteca, moi preto de onde están unha selección das súas obras.

Mágoa que non todo sean boas novas no mundo das letras: recentemente calaron as voces do italiano Umberto Eco (autor de obras tan célebres como El nombre de la rosa) e Harper Lee, unha autora estadounidense que recibiu o Premio Pulitzer con Matar a un ruiseñor, unha novela na que amosaba as actitudes racistas dos anos 60 nos EEUU e reivindicaba a igualdade e a xustiza. Se queredes sabes máis sobre calquera deles, podedes ver a reseña no mural "Son noticia" e na páxina web do centro.

18 de feb. de 2016

De evento en evento...

O venres pasado o alumnado do IES de Quiroga acudiu á presentación da nova edición do poemario de Manuel María Sonetos ao Val de Quiroga e volveron con cadanseu exemplar. O mellor de todo é que nesta edición combínanse as magníficas ilustracións de Teixelo coas feitas polo alumnado de todos os centros educativos do Val de Quiroga. Sodes uns artistas!

Logo teredes outra ocasión de demostrar a vosa creatividade, no Día de Rosalía. Estade atent@s!

5 de feb. de 2016

Somos de cómic!

Efectivamente, texto e debuxo sobre papel, iso somos nós.
A visita de Miguel Fernández o pasado mércores, que deixou pegada no centro coa súa charla "Contando con debuxos", como podedes ver nas imaxes, coincidiu co comezo da exposición de cómic, banda deseñada e novela gráfica. Si, esa da que levabamos falando un ano e non parecía concretarse nunca... agora foi.


E o vindeiro venres preséntase a reedición dos Sonetos ao Val de Quiroga, na que participou parte do alumnado cos seus debuxos... é isto o principio do camiño da ilustración para algúns e algunhas?